

Que é a Festa do Melindre
A Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional da Terra de Melide é a cita gastronómica máis importante da comarcade Melide e, tamén, unha das de maior proxección de toda Galicia desde que no ano 2013 fose declarada de Festa de Interese Turístico Galego. Celébrase cada ano a segunda fin de semana de maio, co fin de exaltar e poñer en valor os doces tradicionais melidenses. Falar de melindres, melindreiros e melindreiras é falar de gastronomía pero tamén de tradicións e de riqueza cultural.
Nos fornos tradicionais do corazón da vila amásanse cada día os melindres, ricos e amendoados que a converten en terra doce. Estes doces fanse notar na zona vella de Melide no momento da súa coción grazas ao seu delicioso aroma.
A filosofía coa que nace
A Festa do Melindre naceu coa intención de protexer, poñer en valor e recuperar a forma tradicional de facer repostería de Melide e da súa comarca. Os doces tradicionais de Melide, ademais de producir pracer o noso padal, son elementos que en conxunto forman parte dun aspecto importante do patrimonio cultural do noso pobo: a gastronomía. A Festa do Melindre e da Repostaría da Terra de Melide reúne un inequívoco valor patrimonial, o estar vertebrado por todos os mecanismos de conexión entre festa e patrimonio, encadrándose claramente dentro da figura do patrimonio inmaterial.
A evolución
Aínda que durante moitos anos se falou da Festa do Melindre, nos últimos anos, a homenaxe estendeuse a toda a repostería típica e tradicional de Melide e da súa comarca. En concreto, fálase de tres produtos que recollen a esencia da tradición reposteira da zona: o melindre, o rico e o amendoado.
Ao abeiro da intención de protexer, poñer en valor e recuperar o xeito tradicional de facer a repostería en Melide xurde a iniciativa de organizar cada ano unha Festa do Melindre. O obxectivo é homenaxear un xeito de facer repostería ancorado nas maneiras tradicionais, empregando esa homenaxe para que sirva como continuidade no futuro. A primeira Festa do Melindre de Melide organízase –sempre a cargo do Concello- no ano 1991. Nese momento o concello decide aproveitar a data escollida para a Festa do Melindre para realizar tamén outros eventos de xeito simultáneo, englobados baixo o
nome de “Feira de mostras”.
Esta feira de mostras inclúe a carón do nacemento da festa unha Feira de Exaltación da Tenreira Galega, e unha Festa do Cabalo,
que foron celebrándose ano tras ano escollendo un mesmo domingo no mes de maio para as tres celebracións, tal e como se recolle nalgúns dos carteis desa época. Como se recolle nos carteis anunciadores, compartía cartel e data con esoutras citas de carácter social, comercial ou de exhibición. Non sería ata o ano 2008 cando se decide dende o Concello dotar á Festa do Melindre de entidade propia.

Melindres
Rosquillas pequenas ás que se lles dá brillo e cor cun baño de azucre, son os doces máis recoñecidos da repostaría de Melide.

Amendoados
Elaborados con améndoas moídas, claras de ovo, azucre e obleas para a base, que lles dan o seu inconfundible aspecto.

Ricos
Característicos pola súa forma alongada e a súa dureza exterior, os Ricos son doces únicos, que só se elaboran na Terra de Melide.


Programa #Melindre2025

Edu Lavandeira, pregoeiro da 33.ª Festa do Melindre

Edu Lavandeira (Vigo, 1981) é director e creativo audiovisual con
numerosos documentais e programas de entretemento no seu
currículo.
Gañador do Premio Mestre Mateo ao Mellor Programa
de TV por Buscadores de Naufraxios. A súa carreira sempre
estivo relacionada cos medios de comunicación e o entretemento
audiovisual. Apaixonado da gastronomía, especialmente dos pans,
das masas e das pizzas, creou a primeira serie documental dedicada
a este ancestral alimento: “Maestros del Pan” e publicou dous libros
Planeta PAN e Pan Galego.
Toda a súa familia materna é de Melide, de onde toma o apelido, Lavandeira. E a Melide faille unha longa homenaxe no libro Pan Galego, no que inclúe algunhas elaboracións que ten na súa memoria ou na da súa nai, como a torta (pan baixo e pouco cocido) ou as “rosquillas de sartén”.
Ademais, acumula case dous millóns de seguidores entre Instagram, Tik Tok e YouTube onde trunfan os seus virais vídeos de elaboracións.
Embaixadores 2025
A figura do Embaixador
Que é ser embaixador da Festa do Melindre
A Festa viu apadriñada, nos últimos anos, por unha serie de persoeiros relevantes da gastronomía, a restauración, o cine, o deporte, a música, a administración e o mundo empresarial que colaboran co Concello de Melide, como pregoeiros e embaixadores, para transmitir a labor reposteira tradicional da comarca. Así, créase a figura do Embaixador/a do Melindre como unha distinción de recoñecemento a persoas ou institucións polo labor promocional desenvolvido a prol de Melide e directa ou indirectamente a prol da promoción da repostaría tradicional da Terra de Melide.
Para poder optar a este recoñecemento débense cumprir cos seguintes requisitos:
- Prestar servizos de relevancia a Melide, que representen indubidábel e evidente proveito para o engrandecemento, prestixio e progreso da nosa vila.
- A realización de traballos extraordinarios de incontrastable importancia en calquera dos aspectos humanos, político, cultural, científico, artístico, económico, social ou de defensa do noso patrimonio e natureza, que polo seu contido ou pola persoa, persoas ou entidades que o realicen se proxecta vinculación a Melide.
- A laboriosidade exemplar e extraordinaria capacidade de grandes iniciativas e realizacións levadas a cabo e postas de manifesto en beneficio dos cidadanía e da propia vila de Melide.
- As doazóns e fundacións benéficas, culturais, científicas, artísticas ou de outro carácter que promocionen o estudo e a investigación e favorezan en moi alto grao ao Concello de Melide
- En xeral, os feitos exemplares que, redundando en beneficio de Melide e os seus cidadáns e cidadás, revistan importancia ou signifiquen unha constante protección e promoción dos intereses sociais e culturais da nosa vila e dos seus fillo/as.

A Festa do Melindre en cifras
Actualidade
Entérate de todas as novidades da festa máis doce de Galicia!
Entrevista: doce preguntas doces (e non tan doces) a Marcial Mouzo, pregoeiro 2024
Organiza
