- Concello de Melide considera un éxito a edición 2018 tanto en visitantes coma en impacto económico para a vila
- O gremio de repostaría tradicional cumpriron expectativas de ventas no fin de semana grande da Festa do Melindre
Melide, 15 de maio de 2018. O Concello de Melide mostra a súa satisfacción polos resultados da XXVII Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional da Terra de Melide. Nesta edición 2018, a pesar de que o tempo non acompañou, a cita congregou a un alto número de visitantes. Segundo as primeiras valoracións da organización, o gremio de repostaría tradicional da vila coruñesa cumpriu expectativas de vendas previstas.
A boa afluencia de público ao longo dos dous días de programación cultural reforzou a hostalería melidense, tendo en conta as estimacións do sector, e esta situación impactou moi positivamente no comercio local. En palabras da Alcaldesa, Dalia García Couso, “esta edición demostra que a nosa festa está consolidada no calendario de citas gastronómicas de Galicia e que a aposta por impulsar esta celebración dende a gastronomía, funciona. Estamos moi satisfeitos co resultado e comezamos dende xa a traballar na edición 2019, que agardamos que manteña ou mellore os resultados. Temos uns embaixadores excepcionais que están a levar a cabo a súa encomenda e unha veciñanza que sempre responde cando defendemos o noso produto local.”
A Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional da Terra de Melide rexistrou tamén un elevado impacto tanto en medios de comunicación coma en Internet, sobre todo en redes sociais. Tanto os embaixadores coma blogueiros e influenciadores do campo gastronómico fixéronse eco nos seus perfís da cita. O Concello de Melide valorou esta circunstancia como fundamental para que o boca a boca salte afora das nosas fronteiras e acadar que en vindeiras edicións se acheguen a Melide visitantes de outros puntos do país.