Os ricos son sen dúbida un dos elementos crave da gastronomía melidense. Un doce único que ten unha infinidade de historias e curiosidades asociadas e que converten a esta especie de galletas alongadas e puntiagudas nun dos elementos de repostería máis especiais de Melide. Entre todas, hai catro curiosidades que son sen dúbida as máis peculiares deste doce.
Son exclusivos de Melide
Os ricos teñen unha particularidade que os distingue e volve únicos. E é que estes doces elabóranse exclusivamente en Melide. Así, é este municipio o único lugar onde se producen os ricos o que lles confire un carácter propio e único que sorprende a aqueles que nunca os probaron.
A máquina para elaborar os ricos, a mesma que a dos chourizos
Aínda que poida sorprender, a máquina coa que se dá forma á masa dos ricos era nunha orixe a mesma que se utilizaba antigamente para embutir os chourizos. Así, a masa é colocada na máquina, que a curta en longas filas antes de dividir, cun coitelo, cada unha das porcións. Esta é a explicación de como se lles confire a estes doces a súa peculiar forma alongada.
A receita orixinal, con manteiga cocida de vaca
É un dos elementos máis utilizados repostería melidense e que os obradores destacan ata a saciedade como clave do característico sabor dos seus doces. O toque que confire a manteiga cocida de vaca, que debe ser de alta calidade, distingue os doces de Melide e por suposto, os seus ricos.
Consérvanse durante case un mes
Unha das mellores propiedades dos ricos é a facilidade para conservalos sen que perdan as súas propiedades nin por suposto, todo o seu sabor. O recomendable é mantelos en tarros de cristal ben pechados, nos que estes doces aguantan facilmente un mes en perfectas condicións e listos para consumir.