O Concello de Melide e a Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional viaxan ao Fórum Gastronómico de A Coruña, a cita para profesionais da gastronomía máis importante da nosa comunidade, que se celebra do vindeiro 10 ao 12 de marzo en ExpoCoruña. Alí estaremos cun stand propio sobre a festa e os doces melidenses, e tamén cun obradoiro que poñerá en valor o facer tradicional dos produtos típicos da nosa terra. Toma nota de todo o que faremos!
Amosando o valor da nosa repostaría artesán
“Repostaría de Melide. O valor do artesán” é o nome escollido para o obradoiro organizado polo Concello de Melide e a Festa do Melindre, que terá lugar o domingo 10 ás 16 horas no Espazo Ágora, e que mostrará a todos os presentes no evento o gran valor da nosa repostaría, única no mundo e elaborada de xeito artesán polos mestres reposteiros melidenses.
A actividade será impartida por Alberto Rodríguez, presidente da asociación Melide Terra Doce, e permitirá aos asistentes coñecer de primeira man as materias primas coas que se elaboran os melindres, os ricos e os amendoados de Melide, tocando as diferentes masas tanto en cru como xa cocidas e participando nos baños de azucre, completado así o proceso de elaboración dos nosos doces. Para rematar, os presentes poderán gozar dunha cata dos 3 doces tradicionais, acompañada das explicación do mestre artesán Román Varela, da Pastelería Trisquel. Unha cita que non podedes perder!
O stand máis doce do Fórum Gastronómico
Pero máis aló deste obradoiro, a Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional tamén terá presencia durante todo o Fórum Gastronómico co seu propio stand, situado no espazo 150 do pavillón principal, e onde haberá degustación e venda dos doces tradicionais a través das casas reposteiras que conforman a asociación Melide Terra Doce: Casa Melchora, Pastelería Estilo, Panadería Tahona e Pastelería Trisquel. Haberá tamén actividades para os máis cativos, que poderán colorear diferentes ilustracións sobre a festa a cambio dun agasallo sorpresa.
E se queres gañar unha estancia en Melide durante a Festa do Melindre… non deixes de visitarnos!
Ademais de todo o que acabamos de contarvos, dende o Concello de Melide e a Festa do Melindre poñemos en marcha un concurso moi especial para todos aqueles que se acheguen ao noso stand: se nos visitas e sacas unha foto connosco, podes gañar unha estancia para dúas personas na nosa vila durante a Festa do Melindre! Participar é moi sinxelo, só tes que facer o seguinte:
- Achégate ao noso stand e faite unha foto con melindres xigantes que teremos preparados no noso photocall
- Sube a túa foto a Instagram co hashtag #FestadoMelindre19
E listo! Unha vez rematado o Fórum Gastronómico, sortearemos a estancia entre todas as persoas que subiran a súa foto e anunciaremos ao gañador nas redes sociais da Festa do Melindre. Para gozar do teu premio só tes que ser maior de idade!
Ocórresevos algún plan mellor? Esperámosvos a todos no Fórum Gastronómico para desfrutar xuntos da Festa máis doce de Galicia!