- Cal foi a túa reacción cando che dixeron de ser o pregoeiro da 33 edición da Festa do melindre e a repostaría tradicional?
Unha mestura entre orgullo, emoción e estupefacción. Non creo ser merecedor de tal honra e responsabilidade. Pero intentaremos estar á altura.
- Imaxino que a túa unión con Melide fará do momento do pregón un intre moi emocionante.
Sen dúbida. Tanto para min como para a miña nai como para a toda a miña familia materna. Agardo non rematar chorando, jeje.
- Que lle dirías a unha persoa que aínda non coñece a Festa do melindre e a repostaría tradicional?
Que poucos lugares de España (e do mundo me atrevería a dicir) reúnen nun só pobo unha variedade de doces tan especiais e deliciosos. E obviamente animaría a todo o mundo a vir porque este tipo de festas son sempre inesquecibles. Pasar unha xornada comendo, falando e bailando. Poucos plans mellores poden existir na vida.
- Tes algún recordo especial dalgunha festa de Melide?
Teño recordo das feiras. Dos veciños amoreándose na praza xunto ás queixeiras, especialmente. Encántanme as feiras en xeral e quizais de aí veña.
- Se puideras traer a algún famoso a esta festa, a quen traerías?
Os famosos están sobrevalorados porque sempre reciben agarimo alá onde van e logo non valoran as pequenas cousas, jeje. En todo caso, un famoso humilde, Henry Cavill, o actor de Superman, por exemplo, que anda moi ligado a Galicia ultimamente pola carne, para que probe tamén os doces.
- Pódesnos contar algunha pista do que vas contar no pregón?
Eu, que son do mundo audiovisual, teño ben aprendida a estratexia que se segue para xerar expectación. Non se debe desvelar nada ata que cheque o momento.
- Cal é o teu doce preferido: melindres, ricos ou amendoados?
Cada un ten o seu. Son texturas distintas e combínanse perfectamente. Quizais por diferentes e peculiares, os ricos.
- Que destacarías destes doces?
Que significan moito para un pobo e as súas xentes. Son máis que un alimento e que un doce. Son tradición e son historia. Son motivo de orgullo e modo de vida para moitas persoas de Melide e miles de persoas que van de paso polo Camiño.
- Coidas moito a túa alimentación?
Procuro, si. Aínda que nas miñas redes pareza que como pizza todos os días si que intento coidala. Basicamente porque me gusta moito comer e se un se desmadra pode ter consecuencias. Hai que coidar a saúde.
- Inclúes estes doces típicos de Melide na túa alimentación?
Sempre que vou por Melide fago acopio dalgún. As cousas especiais hainas que tomar en momentos especiais porque senón deixarían de ser especiais.
- Cal é a túa comida favorita?
Imposible responder a iso. Gústame tanto unha tortilla española como unha empanada galega, como un polbo, como un ramen xaponés, como un curry indio, como unha sopa vietnamita como un bocadillo siciliano, como unha ensalada turca. Encántame comer e viaxar e probar as diversas gastronomías do mundo. Fanche aprender do país, das súas xentes e todo iso faite mellor persoa.
- Que che parece compartir o nomeamento de Embaixador coa Casa de Galicia en Santurtzi e a alcaldesa desta vila? E como afrontas a responsabilidade de ser Embaixador da nosa repostaría tradicional?
É un orgullo tremendo. Pois xa estaba tenso e nervioso e logo destas preguntas a da presión me trasladan, moito máis, jeje. Coma sempre digo cando estamos a facer un programa de televisión á xente que sae nel. O mellor consello é ser natural e un mesmo. Pero iso é o máis difícil!.