- Catorce embaixadores comprometeranse mañá a exaltar e conservar os doces típicos desta cita de interese turístico galego
Melide, 12 de maio de 2018. A XXVII Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional da Terra de Melide contará, a partir de mañá, con catorce persoeiros máis defendendo, exaltando e protexendo os produtos artesanais. Tralo pregón, ás 12:30h, a cargo dos cociñeiros xemelgos Torres, tanto eles mesmos coma os doce representantes seleccionados do mundo da gastronomía, os medios de comunicación, o deporte, a cultura e as institucións públicas, aceptarán o compromiso cos melindres, ricos e amendoados que o Concello de Melide lles propón. O acto estará conducido pola actriz galega Cristina Maró.
Pouco despois, ás 14h do mediodía de mañá, na Praza das Ichoas, a cantante Silvia Penide ofrecerá un concerto en sesión vermú que conta coa colaboración da marca galega Petroni. Á mesma hora, xa na tradicional ubicación da Praza do Convento, os asistentes poderán desfrutar dun concerto da Banda de Música de Agolada. O clown Circanelo será o encargado de entreter aos asistentes máis cativos, cunha actuación infantil ás 17:30h. Porán o broche de ouro á Festa do Melindre Óscar Ibáñez e Leirabuxo ás 17:30h, completando o cartel de bandas que participan nesta edición 2018.
Máis dunha vintena de empresas de produtos artesanais tanto de Galicia como do resto da península estarán presentes na feira que poderán visitar estes días os visitantes. Entre elas atópanse, ademais de produtos de repostería realizados de maneira artesanal, licores, viños e sidras, e tamén produtos de artesanía de Galicia e un posto da escola de Formación profesional EFA Piñeiral.
Os embaixadores da edición 2018
Os embaixadores que se nomearán mañá coa encomenda de exaltar os doces da Terra de Melide son os Hermanos Torres, cociñeiros, o actor da serie Fariña Monti Castiñeiras, a instagramer The Foodie Searcher, o adestrador do Obradoiro CAB Moncho Fernández, o chef Quique Rodríguez, o director de Comunicación e Relacións Institucionais de El Corte Inglés Galicia Pati Blanco, o director da Orquestra de Cámara de Galicia Rogelio Groba, o director do CIFP Compostela Ramiro Esparís, a Asociación Deportiva Cerne, o Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Román Rodríguez, a Directora Xeral de Comercio e Consumo Sol María Vázquez, a Xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro e o Presidente do Parlamento Galego, Miguel Ángel Santalices.