O acto tivo lugar en Santiago na presentación do 30.º aniversario da Festa do Melindre, a favor da ONG Itínera Faciendo, Nenos de Ucraína en Galicia.
O Concello de Melide realizou onte xoves 7 de abril un evento solidario consistente na degustación de café con melindres coincidindo coa presentación do 30.º aniversario da Festa do melindre no Mercado de Abastos de Santiago. Ao evento, cuxa recadación se destinará en axuda directa ao pobo ucraíno a través da ONG Itínera Faciendo Nenos de Ucraína en Galicia, asistiron decenas de persoas, e nel colaboraron participando e cedendo produto a Asociación de repostaría tradicional Melide Terra Doce e o café Arraigos de Melide, xunto coas entidades Coffee Spirit e CLUN, cooperativas lácteas unidas.
Enrique Iglesias, presidente da ONG e profesor de edificación e obra civil no IES As Fontiñas de Santiago, comentou que “a actividade da entidade naceu orixinalmente para traer nenos da zona de Chernobil e pasar veráns e Nadal en Galicia, pois coñecen máis mundo se alimentan mellor durante tres meses”, dando tamén apoio ás familias que traen nenos a estudiar. A ONG dedícase estas semanas a recoller material no IES As Fontiñas, sendo o máis solicitado as medicinas e produtos de primeiros auxilios, como vendas, gasas e alimentos non perecedoiros, agás os envasados en cristal. Son importantes tamén os produtos de hixiene: cueiros para cativos, papel hixiénico e produtos de hixiene feminina. Pilas, “power banks” (baterías externas), cargadores de móbil e cargadores solares son outros dos produtos demandados. De roupa, unicamente se precisa a interior térmica de abrigo. As persoas interesadas en colaborar teñen para facelo o contacto nenosucrainagalicia@gmail.com.
A acción máis recente foi crear a plataforma “SOS refuxiados Galicia Ucrania” xunto con ASDEGAL e a ONG de voluntariado de “Polonia en Galicia” que se dedicará a cubrir as necesitades máis urxentes e crear un protocolo para dar un seguimento aos ucraínos que veñen a Galicia, especialmente os menores. Están en contacto con ONGs polacas e ucraínas para dar saída a xente que quere saír e ser acollido en Galicia, pois “os primeiros que escaparon da guerra foron as clases máis altas, a xente do campo non marcha, resiste como pode. Non se queren mover porque teñen que comezar a plantar as patacas”
Fotos do acto:
https://drive.google.com/drive/folders/1juiyLnF5yuIXxXP1xYK64I-We6VQLCuC?usp=sharing