Se algo sabemos en Melide é que os embaixadores e embaixadoras da Festa do Melindre son unha figura clave para dar a coñecer os nosos doces. Para nós é un orgullo que tantas personalidades aceptasen defender, promocionar e levar os melindres, ricos e amendoados polo mundo, e que sigan facéndoo tras cada edición da festa.
Un bo exemplo disto son os nosos pregoeiros, os Irmáns Torres, e os embaixadores Quique Rodríguez e Pati Blanco, que tiveron moi presentes os nosos doces nos seus diferentes ámbitos profesionais.
Os Torres e os melindres: moito máis que doces!
Xa o anunciaban os televisivos Irmáns Torres durante a súa estancia en Melide: ademais da alegría por ser pregoeiros, de Melide e os seus doces levaban tamén boas ideas para poñer en práctica nos seus fogóns. E tanto que si!
Os chefs xemelgos, que contan con dúas estrelas Michelin, reinventaron as aplicacións tradicionais dos melindres, os ricos e amendoados e atrevéronse a crear con estes produtos receitas en grao sumo innovadoras, que puidemos degustar no showcooking que deron na nosa vila e que, ademais, compartiron connosco para que puidésemos facelas en casa.
Apetéceche probar unha callada de foie con amendoados ou unha torta de queixo, melindres e arandos? Non te perdas estas receitas que están para chuparse os dedos!
Os doces melidenses, na sección de Quique Rodríguez da revista Hola
Outro dos nosos embaixadores, Quique Rodríguez, plasmou sobre as liñas da edición dixital da revista Hola, na que ten unha sección, toda o seu coñecemento e paixón polos nosos doces como bo representante da Festa do Melindre.
Grazas ao seu artigo, os miles de seguidores desta histórica revista puideron descubrir Melide e os nosos deliciosos melindres, ricos e amendoados. Moitas grazas!
Dozura feita poesía coas letras de Pati Blanco
O noso embaixador Pati Blanco non só é o director de comunicación e relacións institucionais en Galicia do Corte Inglés; é tamén un fantástico poeta con dúas obras publicadas e unha gran capacidade para transmitir historias. Así o demostrou dedicando un dos seus poemas aos nosos doces: “Melide, capital das tentacións”. Toda unha honra!