O Concello de Melide presentou a 33 Festa do melindre e a repostaría tradicional que se celebrará o 10 e 11 de maio O Concello de Melide presentou esta mañá a 33 Festa do melindre e a repostaría tradicional que se celebrará os días 10 e 11 de maio. A presentación realizouse no Hotel Lux da vila, na que estiveron presentes os melindreiros e melindreiras, membros da corporación municipal e de Asociacións locais. Interviñeron: ● José Manuel Pérez, alcalde do Concello de Melide. ● Xosé Igrexas, concelleiro da área económica. ● Alberto Rodríguez, presidente da Asociación Melide Terra Doce. Na segunda fin de semana de maio Melide volverá ser o punto máis doce de Galicia. “Como non podía ser doutro xeito, os melindres, ricos e amendoados serán os protagonistas absolutos destas xornadas pero non os únicos, dado que a música tradicional e os obradoiros para crianzas tamén terán o seu oco”, destacou o alcalde da vila na presentación da Festa. A maiores, Pérez anunciou o pregoeiro e embaixadores deste ano que serán: Edu Lavandeira, director e creativo audiovisual, apaixonado da gastronomía e con raíces en Melide, máis concretamente na Praza do Pozo Pequeno, onde vivía a súa familia materna. “Para nós é un orgulloso que sexa o noso pregoeiro, especialmente pola súa estreita vinculación coa nosa localidade”. As outras embaixadoras serán a Casa de Galicia en Santurtzi e a alcaldesa desta vila, Karmele Tubilla. A Casa de Galicia en Santurtzi creouse no 1969, a cargo dunha docena de emigrantes galegos con morriña da súa terra que sentían a necesidade de asociarse, ao igual que xa fixen os seus paisanos e paisanas de Barakaldo e Sestao. Na actualidade, o presidente da Casa de Galicia en Santurtzi é Pablo García Álvarez, veciño tamén de Melide durante períodos de vacacións, e membro do grupo de gaitas Corxa Airiños Galegos Doce Albor que leva dende o 2010 participando na Foliada da vila. Karmele Tubilla, a alcaldesa de Santurtzi, é unha persoa con profundas raíces nesa vila e cunha traxectoria marcada pola tradición, a cultura e o euskera. Baixo o seu mandato, impúlsase a posta en valor da historia e tradicións locais. A continuación Alberto Rodríguez, presidente da Asociación Melide Terra Doce, destacou que para os melindreiras e melindreiros “é un pracer que unha das festas emblemáticas de Melide sexa a dos doces que se fan nos nosos obradoiros. Temos a responsabilidade de conservar esta tradición”. A maiores, con motivo da irmandade co municipio de Santurtzi aproveitou para destacar a figura da “xente que marchou traballar ao País Vasco que cando volven para as súas casas sempre levan melindres, ricos e amendoados. Levan moitos anos sendo xa Embaixadores e Embaixadoras da nosa repostaría tradicional”. Logo, tomou a palabra o concelleiro da área económica, Xosé Igrexas, que agradeceu a súa asistencia a todas as persoas, entidades e medios presentes no acto, así como a hospitalidade do Hotel Lux de Melide. Un ano máis, o concelleiro presentou as accións que se realizarán antes da Festa, como son: “as actividades de promoción que se fan nos centros de formación, que para nós é moi importante, dado que son o futuro tanto na repostaría como a elaboración doutros produtos o futuro está no alumnado destes centros”. A maiores, tamén se realizarán accións coa hostalería e aloxamentos da vila, o que se denominaron “Colaboracións Melindreiras”. Ante esta iniciativa “só teño palabras de agradecemento porque todos estes establecementos dende que se lles propuxo a acción aceptaron encantados, esta iniciativa realizarase os días 17,18,19 e 20 de abril en plena Semana Santa, e consiste en que aquelas persoas que pasen a noite nos establecementos participantes terán na súas habitacións un pequeno detalle, que consiste nuns melindres para dar unha benvida doce a Melide”, fixo fincapé Igrexas. Outra das accións a realizar “vaise dar na última fin de semana de abril, coincidindo coa nosa gran e querida Foliada, durante eses días, nos restaurantes de Melide van ter uns manteis de papel onde se serviran sobre eles as comidas que os visitantes na foliada vaian a comer para así promocinar e dar información sobre a Festa do Melindre e incentivar que volvan a nosa vila os días 10 e 11 para que desfruten da Festa. Ademais, Igrexas explicou detalladamente toda a programación da 33 Festa do melindre e a repostaría tradicional, do 10 e 11 de maio, que contará entre outras actividades: postos de gastronomía, acto de irmandade con Santurtzi, animación de rúa, actividades infantís e concertos de grupos como Zugaitza Dantza Taldea, Herba Grileira ou De Ninghures. O sábado 10, ás 11:00h abrirá as portas a feira de gastronomía no Cantón de San Roque. Unha hora despois, realizarase o Acto de Irmandamento con Santurtzi na Casa do Concello e, de seguido un obradoiro interxeracional de exaltación dos doces da Terra de Melide. Ás 12:45h acto de saúdo amenizado polo grupo Zugaitza Dantza Talde e Gaita Galega. Ao mesmo tempo, haberá animación de rúa cos Cabezudos Santurtziko Erraldoien Konpartsa, os Cabezudos do Concello do Melide e a Charanga Os Caliqueños. Pola tarde, ás 17:30h haberá actuación infantil a cargo de Rogelio 3. La feté. A continuación, actuación dos grupos de baile de Zugaitza Dantza Taldea (Euskadi) e Herba Grileira (Melide) na Praza do Convento. Ás 19:00h actuación exaltación dos doces da comarca no Cantón de San Roque. Unha hora máis tarde, concerto do Grupo Korrontzi na Praza das Coles. O domingo 11, apertura da feira ás 11:00h e logo animación de rúa con Froito Novo e Charanga Bicoia. Ás 12:00 horas será o nomeamento de Embaixadores/as e Pregón no Cantón de San Roque. Unha hora despois, haberá unha actuación de exaltación dos doces da Terra de Melide. Pola tarde, ás 17:30h actividade infantil a cargo de Sen Patróns. Ás 18:00h peche da feira e para dar o punto final haberá un concerto na Praza das Coles do grupo De Ninghures.
Categorías: Novas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Se continuas a usar este sitio aceptas o uso de cookies. máis información

Los ajustes de cookies de esta web están configurados para "permitir cookies" y así ofrecerte la mejor experiencia de navegación posible. Si sigues utilizando esta web sin cambiar tus ajustes de cookies o haces clic en "Aceptar" estarás dando tu consentimiento a esto.

Cerrar