Melide presentou hoxe xoves a programación da 31.ª Festa do Melindre e da repostaría tradicional. Presentou tamén o spot publicitario “Melide en Mar”. O xornalista Manuel Pampín dará pregón o 14 de maio.

O Concello de Melide presentou hoxe xoves 30 de marzo a 31.ª edición da Festa do melindre e da repostaría tradicional de Melide, que se celebrará como é habitual a segunda fin de semana de maio. O acto tivo lugar no restaurante A Horta do Obradoiro, en Santiago de Compostela, dirixido por dous dos embaixadores da festa, Kike Piñeiro e Eloy Cancela.

Interviron:

José Manuel Pérez, alcalde do Concello de Melide

O rexedor comezou a súa intervención destacando agradecendo aos medios a súa presenza. “Bo día a todas e a todos, grazas a por vir, hoxe estamos un ano máis en Compostela, e nun lugar moi especial, e ben bonito e agradable como podedes ver, aínda q por razóns meteorolóxicas non pasamos ao fermosos xardín que temos ás nosas costas.

E dentro de Compostela estamos na Horta do Obradoiro, fermosísimo lugar de moita importancia para Melide pola orixe do seu cociñeiro.

Quero comezar presentarvos aos voceiros que me acompañan e que van tomar a palabra para presentar esta trixésimo primeira edición da festa, comezando por Kike e Eloy, Kike Piñeiro e Eloy Cancela, Kike en representación está por aquí comigo. Ambos foron nomeados embaixadores da festa o ano pasado, fixeron un obradoiro presentando os seus pratos en Melide, e hoxe devolvémoslles a visita. É algo que nos gustou facer, o acto de presentación da festa, que mellor que no restaurante destes recentes embaixadores e na capital de Galicia.”

Falou despois Kike Piñeiro, embaixador da festa e chef de A Horta de Obradoiro

“Como anfitrión quero insistir que neste local tendes a embaixada do Melindre en Compostela. Declárome melindreiro e cociñeiro. Non podo describir a felicidade que supón para min ser embaixador dun produto que me gusta tanto. Un produto cargado de enerxía, e de enerxía positiva. Unha enerxía que nós tentamos transmitir e distribuír alí onde imos, sen importar o complicado das circunstancias. Un bo exemplo foi a campaña de reparto que fixemos chegar ás casas durante a pandemia. Enerxía positiva a domicilio.

Pero ser embaixador non é unha nomeamento puntual, delimitada no tempo o día do nomeamento. Nós levamos este orgullo por fora das nosas fronteiras. Estivemos en Fuerteventura e levámolo ali, en próximas datas iremos a Amsterdam e co permiso dos presentes (Alcalde Concelleiro e Presidente de “Melide Terra Doce”) tamén levaremos enerxía positiva máis aló das nosas fronteiras. Porque ser embaixador non é tarefa dun ano, é un título que levarei con orgullo de por vida. Con orgullo (de feito teño gardado o pin como ouro en pano) e con humildade, pois son tan só un eslabón (e non o máis importante da cadea) e como fillo de mariñeiro, sei valorar ben todos os eslabóns do proceso de elaboración destes doces. Déixovos co resto de intervintes, porque como digo, o protagonismo non é meu.

Continuou a súa intervención o Alcalde

Non sen antes agradecer a Kike as súas verbas “Estás máis que autorizado e es tan protagonista ou máis que nós.”

Continuou falando do pregoeiro:

O ano pasado tivemos á xornalista Cristina Pampín e este ano temos a outro, Manuel Pampín, ao quen todos coñeceredes polo seu paso tantos anos pola Televisión de Galicia, co que me une unha boa relación persoal e profesional, pois compartín anos de traballo na TVG con el. Manuel é unha persoa moi querida en Melide que ata agora non se lle nomeara embaixador do melindre, e pensamos que xa era hora de recoñecerllo. Entregarémoslle o galardón na inauguración o domingo 14 de maio, á que estades todos convidados. Tedes no dossier unha pequena entrevista que lle fixemos na que nos conta algunha anécdota ben graciosa, sobre a que deportista lle faría máis falta tomar os nosos doces.

E tedes tamén naturalmente ao resto de embaixadores, que este ano son todos de Melide, cousa da que estamos ben orgullosos. Como tedes a biografía completa, so vou nomealos, iso si quero facelo: son sete, tres persoas e catro negocios, locais históricos da nosa vila.

As persoas son:

Andrés Torreiro, chef; Patricia López, futbolista profesional e Anxo Castro atleta.

E os negocios, tras dos cales tamén hai persoas, como Manolo, Juanito, Mejuto ou Santos, son:

Adega Ribeirao, Casa Juanito, Casa Mejuto  E Casa Santos

E son embaixadores e embaixadoras da festa e de tres doces. Porque en Melide temos tres doces característicos, Melindres, amendoados e ricos (que ademais son exclusivos da nosa comarca e os que máis enerxía aportan, por certo), como despois veredes nesta tele que teño aquí, unha sorpresa da que vos falará Xosé. E por iso o ano pasado creamos para a festa os tres espazos físicos que xa quedaron instaurados: espazo Melindre, espazo Amendoado e espazo Rico.

O “Espazo Melindre” é que comprende a praza e a rúa do convento, onde están todos os postos de doces, a maioría das actividades como veredes no programa e tamén o pregón; o “Espazo Amendoado”, o cantón de San Roque, onde teremos os stands de Artesanía de Galicia; e o “Espazo Rico” a praza das Coles, onde se desenvolve a parte musical.

Alberto Rodríguez, o presidente de Melide Terra doce

Comentou a promoción que a festa ven facendo nos diferentes centros nestes meses previos e actividade nos centros e educativos.

Alberto agradeceu a deferencia, pero afirmou que o seu cargo “é algo anecdótico”. Comentou que a Festa non se pode celebrar un fin de semana, se non ten un percorrido maior. Hai “pequenas grandes accións”, que fan este produto e esta festa relevante. Como ben comentou Kike, é vital levalo polo mundo, e agradecémoslle enormemente o pulo que lle vai dando ao produto melidense, engrandecendo a súa dimensión e situándoo no mapa.

“Nós, pola nosa parte facemos outro tipo de divulaación de proximidade, por exemplo nos centros escolares de Hostalaría e servicios que son os que finalmente ofrecen o produto ao público. Tamén fixemos un obradoiro de maridaxe con Orujo de Galicia en Santiago e As Pontes, con

escolas de pastelaría en As neves, Arzúa, e cruzamos a Fronteira chegando ata Monçao en Portugal.”

“Pensamos que non so os futuros profesionais teñen que descubrir este produto. Outro público fundamental, son os nenos, por iso despois de semana santa levaremos os melindres ás escolas, para que os desfruten, os toquen e elaboren Melindres. Esa é parte da nosa labor como divulgadores e promotores deste produto noso”

O alcalde agradeceu o traballo dos Melindreiros como fundamental. “Se non fora polos melindreiros a festa non lotería senso, sodes fundamentais, e quereo agradecelo de forma pública.”

Tomou a continuación a palabra Xosé Igrexas, concelleiro de promoción económica

“Tócame presentar a programación. Esta programación é literalmente un mar de doces que vai salpicar de actividades a nosa rúa. Presentamos a continuación un pequeno spot que agardamos vos guste.

Presentouse o vídeo promocional, que amosa e ese mar de doces. “Por segundo ano temos tres espazos con tres nomes, espazo Melindre, espazo Amendoado e espazo Rico!”

Nesta 31.” edición, non só hai unha fin de semana. Levamos case un ano desde que rematoua a anterior. En Xaneiro fixemos maridaxe, como dixo Alberto, fomos a Monçao para irmanar tradicións, e tamén fomos a FITUR presentando o novo folleto e dimos a coñecer o noso Mar de doces ao mundo.

Febreiro en Foz con masterclass e o día 8 tamén en Foz colaboramos no campeonato de baristas e de escolas e cata.

Para rematar marzo estivemos na festa do queixo de Arzúa onde Alberto puxo un stand cheo dos nosos produtos. Rematamos na coruña no IES paseo das Pontes.

Chegando agora a programación, indo agora polo miúdo, comentou  a programación, que é a seguinte e convido á xente a desfrutar do cerne e da vila máis doce de Galicia

O sábado moi centrado en nenos, pero non so, senón tamén na cultura gastronómica, co Showcooking do restaurante Ceibe, Estrella Michelín2023, e pechar con sesión de coctelería amenizada con música en directo de Nadja Sniba, cantautora melidense

O día grande o domingo, non podía faltar a nosa agrupación Froito Novo. Ou SÉS, unha cantautora que non necesita moita máis presentación, nun concerto gratuíto.

MÉRCORES 12 ABRIL OBRADOIROS DAS PASTELARÍAS

11:00 h OBRADOIROS INFANTÍS DE REPOSTARÍA TRADICIONAL

A cargo das pastelarías Estilo, Tahona e Trisquel. Obradoiro de repostaría tradicional dirixido ao alumnado de 6.º de primaria dos centros educativos de Melide.

SÁBADO 13 MAIO

11:00 h APERTURA DA  FEIRA

Espazo MELINDRE. Praza e rúa do Convento

De 11:00 a 14:00 h e de 16:30 a 20.30 h

11:00 h FEIRA DE ARTESANÍA DE GALICIA

Espazo AMENDOADO. Cantón de San Roque.

11:30 – 15.00 h ANIMACIÓN DE RÚA COA CHARANGA BCB

Pasacalles polas prazas e rúas

BCB, unha explosión de música, cor e enerxía! Cun estilo propio baseado na interacción co público, procuramos crear unha atmosfera inmellorable e, en definitiva, facer festa, sendo a ponte entre distintas xeracións. O seu obxectivo non é outro que o goce e desfrute dos nosos oíntes mediante a música en directo, natural e de proximidade. Dende 2013 teñen levado a nosa música Galicia, Asturias, Euskadi, Burgos, Zamora, Barcelona, Londres ou Portugal.


12:00 h OBRADOIRO INFANTIL “OS DOCES DE MELIDE NA REPOSTERÍA CREATIVA”

Espazo MELINDRE. Praza do Convento.

Con Manuel Garea, chef pasteleiro e docente de hostalaría na especialidade de Panadaría e Pastelaría no IES Vilamarín de Ourense. Cunha ampla traxectoria profesional e diversos galardóns, xurado do campionato do mundo de Panettone, asesor gastronómico e membro do panel de cata de da IXP Mel de Galicia.

Inscrición de balde no 981505003 Ext 5 ou no Departamento de Cultura. Aforo limitado

12 h, 13 h, 17 h, 18 h e 19 h MAGO ANTÓN “MIL MAXIAS MÁIS”

Espazo MELINDRE. Rúa do Convento. Aforo limitado

17:00 h MASTER CLASS DE XEADOS ARTESÁNS DE PRODUTOS DA TERRA DE MELIDE

Espazo MELINDRE. Praza do Convento. Con degustación. Aforo limitado

Con Brígida Hermida, xerente de Xearte Brigitte. Enxeñeira agrónoma, experta universitaria en elaboración de xeados artesáns na Universidade de Alacante. Vicepresidente da Asociación Nacional de Heladeros de España, asesora en proxectos lácteos.

19:00 h SHOWCOOKING CEIBE, CULTURA, TRADICIÓN E TERRITORIO

Espazo MELINDRE.Praza do Convento. Con degustación. Aforo limitado

Con Lydia del Olmo e Xosé Magalhaes, chefs ao fronte do restaurante “Ceibe”, mellores cociñeiros galegos do ano, premiados cun Sol Repsol 2022, e coa Estrella Michelín 2023. Ceibe está recoñecido como un dos locais de moda de todo o panorama gastronómico en Galicia. Nace en Ourense en 2020 coa necesidade de desenvolver un proxecto de vida e da procura dunha evolución natural, pausada, meditada a través da súa contorna, despois de anos de traballo con referentes da cociña como “Casa Solla”, “Culler de Pau” ou “Mugaritz”. Unha maneira de entender o oficio, de rememorar as antigas e humildes casas galegas, representando un día de festa nelas, onde todo sucedía ao redor dunha cociña, ofrecendo o mellor do que se dispoñía nese momento para os seus invitados.

20:45 h SESIÓN DE COCTELERÍA “OS DOCES DA TERRA DE MELIDE NA ALTA COCTELERÍA”

Espazo MELINDRE. Praza do Convento. Con degustación e música en directo. Aforo limitado

Con Cristian Rodríguez Díaz, barman campión galego de coctelería 2019, membro da directiva da Asociación galega de barmen, docente de hostalaría, copropietario da Tasquiña de San Pedro, distinguida con Solete Repsol e premio especial do público no concurso de tapas de Compostela. Estará acompañado de Manuel Garea, chef pasteleiro.

Música en directo da cantautora Nadia Sniba. Nadia Abins (Nadia Sniba) nace nunha familia musical e desde moi nova empeza a estudar violín e piano. Aos 16 anos xa ten tocado en teatros en diferentes agrupacións e mesmo na Orquestra Sinfónica de Melide como violinista. Porén, paralelamente á súa educación clásica, comeza a estudar folk e o jazz e a compoñer as súas propias cancións. As diversas influencias musicais que escoita na súa casa desde pequena marcan a súa traxectoria e vida.

Deixan pegada nela, especialmente, as músicas de Leilía ou Liorna, os cantares que comparte ca súa avoa, e as voces de artistas como Violeta Parra, Laura Marling ou PJ Harvey, que a acompañan desde nova. Inspirada por todas estas historias femininas, énchese de valor para saír e adentrarse nunha viaxe interior de autocoñecemento, e vive, para logo escribir e construír, case sen querelo, un repertorio íntimo e sincero, que fala de todo o que solo se pode contar cantando. Faino na súa lingua materna porque, como un profesor lle dixo unha vez,  “temos que ser cidadáns do mundo desde algún sitio”. 

DOMINGO 14 MAIO

11:00 h APERTURA DA FEIRA 

11:30 h ANIMACIÓN DE RÚA COS GRUPOS “ZÉS PEREIRAS” E A AGRUPACIÓN DE MÚSICA TRADICIONAL “FROITONOVO”

Pasacalles polas prazas e rúas

Os Zés Pereiras son tocadores de bombos e caixas de rufo, instrumentos populares tradicionais, de percusión, de fabricación artesanal. Son unha das máis antigas tradicións festivas de Portugal, procedentes do norte e das Rexións de Entre-Douro e Miño. Animan case todas as festas e romarías do norte e centro, e son unha presenza case obrigatoria en aberturas e peches de manifestacións populares, desfiles e cortexos.

Froito Novo é a agrupación de música tradicional galega máis antiga de Melide. Conta con máis de 50 anos de traxectoria. Está formada na actualidade por doce integrantes pero chegaron a ser ata cen entre os músicos e o grupo de baile.

Froito Novo espallou o nome de Melide, a música e o baile tradicional galego por todo o territorio estatal e parte do estranxeiro.

12:00 h NOMEAMENTO DE EMBAIXADORES E PREGÓN

Espazo MELINDRE. Praza do Convento

A cargo de Manuel Pampín, xornalista

Naceu en Melide en 1958. Estudou  xornalismo na universidade complutense de Madrid. En 1982 comezou a traballar na delegación de Santiago de “El Ideal Gallego”, onde estivo tres anos facendo todo tipo de informacións. Desde xuño de 1985 ata a súa recente xubilación traballou na Televisión de Galicia, onde fixo practicamente de todo: desde retransmisións deportivas ata presentar os telexornais.

13:00 h ANIMACIÓN DE RÚA COS GRUPOS “ZÉS PEREIRAS” E A AGRUPACIÓN DE MÚSICA TRADICIONAL “FROITONOVO”

Pasacalles polas prazas e rúas

17:30 h ACTUACIÓN INFANTIL “PETER PUNK E O NENO IMPERDIBLE”

Espazo MELINDRE. Praza do Convento

Circo, malabares, música ao vivo, humor, clown

Que lle acontece a un pallaso cando o seu ego supera o seu propio nariz? Descúbreo neste trepidante espectáculo. O terceiro de Peter Punk no que comparte elenco con Brais das Hortas
Un tendedeiro en equilibrio, un salto ao baleiro en monociclo, un voluntario morto e resucita do en escena, seis instrumentos interpretados ao vivo (guitarras: clásica, eléctrica e portuguesa, acordeón e bocina) e ata Peter Punk se atreve coa harmónica!! E como final, A Chungatrona: un artefacto único no mundo, pensado por un pallaso. Estes son algúns dos elementos desta novidosa proposta teatral dirixida polo recoñecido director arxentino Walter Velázquez e no que participan Peter Punk e Brais das Hortas. Esta é unha obra que destaca polo seu coidado guión, a elaboración e enxeño das rutinas, un gran traballo de dirección e unha orixinal escenografía. Un músico e un artista de circo. Dous pallasos en constante reconciliación, entre eles, consigo mesmos e co mundo enteiro. Un delirio nun monociclo pinchado. Diversión, música ao vivo e momentos de tensión e risco. Un completo espectáculo para desfrutar tanto na rúa coma no teatro.

18:00 h PECHE DA FEIRA

19:00 h CONCERTO “SÉS”

Espazo RICO. Praza das Coles

SÉS é unha cantautora coruñesa de traxectoria ascendente e imparable que está considerada pola prensa como “a revolución da escena musical galega”. Destaca nela o seu enorme carisma e forza persoal, demostrada en centos de concertos en moi diferentes escenarios. A súa intensa personalidade e honestidade á hora de manifestarse, foi conquistando ao público cun caudal de enerxía que clama pola unión no cuestionamento do establecido.

O seu estilo mestura coas doses exactas os ingredientes desa fórmula máxica que conseguen un resultado orixinal e xenuíno: rock’n roll, tradición oral galega e certa cadencia da canción de autor latinoamericana con actitude punk, reinvindicación e manexo escénico cunha constante e permanente interlocución cos seus seguidores dentro e fóra dos escenarios. O seu discurso valente, novidoso, contundente e directo fan da súa figura a voz de moitos, o altofalante certeiro que defende aquelo no que sería ideal crer. É unha traballadora incansable que editou oito discos en once anos, e que a levou a percorrer escenarios de todo o mundo.

Presenta ‘Diante un eco’ o seu oitavo traballo discográfico. Un título que fai referencia á concepción cíclica da historia, tristemente avalada pola deriva sociopolítica dos nosos días. É tamén unha volta aos inicios, pero desde o oficio e a madurez, e sobre todo desde unha visión alternativa da sofisticación, horizontal e intercultural. Unha sólida reafirmación na estética popular da que a cantora se considera amante e debedora, sen complexos e sen renunciar á calidade poética que a caracteriza.

Tomou de novo a palabra o Alcalde para pechar o acto:

“Temos unha oferta variada e importante. So me queda invitarvos pasar  unha fin de semana interesante cultural e gastronomicamente, unha volta pola nosa vila moi ben recibidos e tratados ídenos facer moi felices compartindo esta festa con todos nos.

Moitas grazas aos medios pola vosa paciencia e presenza.”

Ao final do acto serviuse aos medios presentes un café con melindres e agasallouse cunha caixiña doce conmemorativa.

A Festa do Melindre terá lugar os días 13 e 14 de maio, con actividades previas desde o mércores 12 de abril.

Fotos do acto:

https://drive.google.com/drive/folders/1KhAJVRubW0vuva5p-ZqSlLy8ueIRUPSk?usp=share_link
Categorías: Novas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Se continuas a usar este sitio aceptas o uso de cookies. máis información

Los ajustes de cookies de esta web están configurados para "permitir cookies" y así ofrecerte la mejor experiencia de navegación posible. Si sigues utilizando esta web sin cambiar tus ajustes de cookies o haces clic en "Aceptar" estarás dando tu consentimiento a esto.

Cerrar