• Os cociñeiros xemelgos serán o prato forte da programación gastronómica do primeiro día da Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional da Terra de Melide

Melide, 11 de maio de 2018. Mañá comeza a XXVII Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional da Terra de Melide, nunha edición que destaca pola participación dos irmáns Torres, con dúas Estrelas Michelin e figuras recoñecidas da televisión de ámbito nacional, e 12 embaixadores de diversos ámbitos, dende o cine á gastronomía, pasando polo deporte. Os chefs de “Torres en la Cocina” serán os encargados de achegar a cociña en directo aos asistentes á  celebración máis doce de Galicia, cun showcooking ás 19:30h do sábado na Viñoteca Ribeirao, na localidade coruñesa. Miguel Ángel Liboreiro do Restaurante O Tobo do Lobo será o anfitrión local e o cociñeiro colaborador aos fogóns nesta cita. O  acceso será gratuíto ata completar aforo e os interesados deben reservar praza unha hora antes no baixo da casa do concello. Ao finalizar o evento os Torres realizarán unha firma de libros e os seus seguidores poderán fotografarse con eles. Previamente, pola mañá, os cociñeiros farán un tramo do Camiño de Santiago dende Leboreiro e acudirán a un obradoiro tradicional de doces e a unha explotación gandeira da zona.

Na mesma xornada dará comezo a feira de produtos artesanais, que abrirá a súas portas ás 12h da mañá, ao mesmo tempo que a charanga BB+ dinamizará a vila coa súa actuación por diferentes rúas. Será xa a partir das 22:30h cando os asistentes á cita poderán gozar das música do grupo Cómplices, Miguel Costas e a Banda de Nash.

Dende o Concello de Melide apóstase un ano máis por difundir un produto artesanal e netamente localista alén das fronteiras da comunidade autónoma galega fichando a coñecidos rostros televisivos no mundo da gastronomía para promocionar un produto que conta actualmente cunha gran aceptación no mundo da repostaría.

Así as cousas, a Alcaldesa, Dalia García, convida a participar activamente nas actividades da festa que maridan á perfección na parte gastronómica e de desfrute como a de ocio nas rúas do casco antigo melidense da man de artistas galegos e españois.

Os embaixadores da edición 2018

Coma ven sendo habitual, un variado grupo de embaixadores comprometeranse a exaltar os doces da Terra de Melide. Este ano os persoeiros que se incorporarán a esta labor son os cociñeros xemelgos Torres; o actor da serie Fariña Monti Castiñeiras; a instagramer The Foodie Searcher; o adestrador do Obradoiro CAB Moncho Fernández; o chef Quique Rodríguez; o director de Comunicación e Relacións Institucionais de El Corte Inglés Galicia Pati Blanco; o director da Orquestra de Cámara de Galicia Rogelio Groba; o director do CIFP Compostela Ramiro Esparís; a Asociación Deportiva Cerne; o Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Román Rodríguez; a Directora Xeral de Comercio e Consumo Sol María Vázquez; a Xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia; Elena Fabeiro e o Presidente do Parlamento Galego, Miguel Ángel Santalices.

A festa máis doce de Galicia

A Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional da Terra de Melide, que naceu no ano 1.991, foi declarada en 2.013 Festa de Interese Turístico de Galicia. A día de hoxe, 27 anos despois, xa é unha cita consolidada dentro do calendario gastronómico da comunidade.  As casas reposteiras que seguen a elaborar estes doces son na actualidade seis. Os ricos, amendoados e melindres son as tres variedades de elaboracións que se exaltan nesta celebración, respectando as receitas tradicionais e históricas, que foron transmitidas de xeración en xeración polas familias deste sector en Melide.

Categorías: Novas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Se continuas a usar este sitio aceptas o uso de cookies. máis información

Los ajustes de cookies de esta web están configurados para "permitir cookies" y así ofrecerte la mejor experiencia de navegación posible. Si sigues utilizando esta web sin cambiar tus ajustes de cookies o haces clic en "Aceptar" estarás dando tu consentimiento a esto.

Cerrar