• O coñecido cociñeiro, que conta con dúas estrelas Michelin, será o encargado de dar o pregón e ofrecerá tamén un showcooking doce
  • Xunto a Roncero, un total de 8 persoeiros do mundo da cultura, a gastronomía, a empresa e o deporte serán recoñecidos como embaixadores

Melide, 25 de abril de 2019. A Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional da Terra de Melide contará co chef Paco Roncero, un dos máis importantes do panorama gastronómico nacional dentro e fóra das nosas fronteiras, como pregoeiro da súa vixésimo oitava edición. O evento terá lugar o domingo 12 de maio ás 12:30h na praza do convento de Melide pero, ademais, o chef galardoado con dúas estrelas Michelin amosará tamén as súas cualidades na cociña nun showcooking doce con degustación o sábado 11 de maio na viñoteca Ribeirao, que terá como base aos melindres, os ricos e os amendoados. A entrada será de balde para todas as persoas que desexen asistir, que poderán inscribirse o mesmo día no baixo da Casa do Concello ata completar aforo.

Pero máis aló de Roncero, o Concello de Melide nomeará aos embaixadores e embaixadoras da festa, que se comprometen a poñer en valor e dar a coñecer os doces únicos no mundo da comarca melidense. Nesta edición, os galardoados serán 8 persoeiros a nivel autonómico e nacional do mundo da cultura, a gastronomía, o deporte e o mundo empresarial: o coñecido actor Marcos Pereiro no 15 aniversario do dúo cómico As Cantareiras de Ardebullo; a reposteira e instagramer Isabel Pérez de Aliter Dulcia; o triatleta gañador de 3 copas do mundo Uxío Abuín; o xornalista gastronómico Jorge Guitián; a directiva de Aceites Abril Elena Pérez Canal; a chef María Varela de A Parada das Bestas e Miguel Ángel Liboreiro de O Tobo do Lobo; e o director do CIFP Carlos Oroza, Manuel Hermo.

Como vén sendo habitual, a cita gastronómica contará tamén cun amplo programa lúdico e cultural para todos os públicos, con actividades que se repartirán ao longo de todo o fin de semana do 11 e 12 de maio, e entre as que se encontran actuacións musicais a cargo de Claudio Spadi – músico oficial de Florencia, Italia – a banda tributo a Sabina La Penúltima, Gin Toni’s e, xa o domingo, o coñecido grupo Milladoiro. Tamén terán o seu lugar na festa a agrupación de música tradicional Froito Novo e a Banda de Música de Arzúa, ademais de animación de rúa coas charangas Ardores e Santa Compaña. Os máis cativos da familia poderán gozar do espectáculo Radio Bule Bule de Paco Nogueiras.

Durante a presentación do evento, que tivo lugar esta mañá no Café Casino de Santiago de Compostela, a alcaldesa de Melide, Dalia García Couso, manifestou a súa satisfacción por “ter un chef da talla de Paco Roncero na Festa do Melindre, o que demostra a forte aposta feita dende o Concello para continuar situando a Melide e a súa repostaría no mapa gastronómico nacional”. 

Un Coffee Tour e a tradicional campaña en colaboración con Doa Sangue, como promoción previa á festa

Coma pistoletazo de saída, o Concello de Melide porá en marcha, dende hoxe e ata o vindeiro 3 de maio, o Coffee Tour da Festa do Melindre, que repartirá entre os clientes dos principais cafés históricos de Galicia melindres, ricos e amendoados como petisco doce. Tralo inicio de hoxe no Café Casino de Compostela, a ruta continuará o 29 de abril no Café Moderno de Pontevedra; o día 30 na cafetería La Dársena de A Coruña; o 1 de maio no Café del Centro de Lugo; o día 2 en La Coruñesa de Ourense; e rematará o venres 3 de maio no café De Catro a Catro de Vigo.

Ademais, a Festa do Melindre e o Centro de Transfusións de Galicia renovan un ano máis a súa xa tradicional colaboración, cunha campaña solidaria que recompensará a todos os que se acheguen a doar sangue en Melide, A Coruña, Pontevedra e Santiago os días 26 e 27 de abril, cun doce agasallo composto por melindres, ricos e amendoados; e un programa con información sobre o evento. 


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Se continuas a usar este sitio aceptas o uso de cookies. máis información

Los ajustes de cookies de esta web están configurados para "permitir cookies" y así ofrecerte la mejor experiencia de navegación posible. Si sigues utilizando esta web sin cambiar tus ajustes de cookies o haces clic en "Aceptar" estarás dando tu consentimiento a esto.

Cerrar