O Concello de Melide presentou hoxe a Festa do melindre no Fórum Gastronómico da Coruña. A 32.ª edición celebrarase o 11 e 12 de maio baixo o eslogan “Corazón doce”

O Concello de Melide presentou hoxe martes 9 de abril a 32.ª edición da Festa do melindre e da repostaría tradicional de Melide, que se celebrará como é habitual a segunda fin de semana de maio, con actividades previas desde os días 15 e 16 de abril. O acto tivo lugar no stand da Deputación da Coruña. 

Interviron:

  • José Manuel Pérez, alcalde do Concello de Melide
  • Xosé Igrexas, concelleiro de comercio 
  • Alberto Rodríguez, presidente de Melide Terra doce 

Ao inicio do acto fíxose unha demostración da elaboración e degustación de melindres e ricos a cargo de Alberto Rodríguez.

José Manuel Pérez, Alcalde de Melide, deu o saúdo e agradecemento aos asistnetes, e presentou aos voceiros, así como as novidades destacadas da festa. Agradeceu tamén á Deputación da Coruña “por acollernos nese espazo tan ben preparado para presentar a festa máis doce de Galicia. Como ben di o eslogan da deputación, A Coruña é “a provincia que sabe”, e nós desde Melide queremos aportar hoxe a parte máis doce”.

Agradeceu a Alberto Rodríguez,  presidente de Melide Terra doce que como dixo, “hoxe ademais de falarnos dos obradoiros que leva feito  e que seguirá a fecer en diversas escolas de toda Galicia, amosou como se preparan os doces e deu a probar aos asistentes ao acto.

O alcalde anunciou algunha novidade destacada, como que “aproveitando que estamos de novo na Coruña, imos levar a cabo este ano accións cos embaixadores da festa na cidade, como repartir melindres e ricos nos seus restaurantes durante os días previos, na primeira semana de maio”, así como outra das actividades máis especiais, un showcooking, que ademais terá música en directo, con produtos da terra, con Gorka Rodríguez, chef e propietario da Pulpeira de Melide, restaurante situado na praza de España numero 16.

Xosé Igrexas, o Concelleiro de comercio fixo un desglose polo miúdo do programa da Festa do Melindre deste ano. Destacou que “A Festa do Melindre é a cita gastronómica máis importante da Comarca de Melide, é unha das de maior proxección de toda Galicia desde o ano 2013, no que foi declarada de Festa de Interese Turístico Galego, sempre se celebra na segunda fin de semana de maio, e alí poñemos en valor os doces tradicionais melidenses. Falar de Melindres, Ricos e Amendoados é falar de gastronomía e de riqueza cultural”.

Destacou a figura dos embaixadores do Melindre como “distinción de recoñecemento a persoas ou institucións polo seu labor promocional desenvolvido a prol de Melide e da promoción se é o caso da reposteria tradicional.”

Así este ano esta distinción recaerá no Museo Terra de Melide “como institución onde se garda a nosa memoria histórica e cultural” e tamén na persoa de Paco Veiga por ser membro e fundador da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional e tamén colaborador e especial apoio a difusión da tradición cultural como é tamén a Festa do melindre.

A continuación explicou brevemente os diferentes actos:

O LUNS 15 E MARTES 16 DE ABRIL

Comezaremos a programación con obradoiros de repostaría tradicional nos locais dos produtores como é na Casa Estilo, Tahona, Trisquel e Panadería Toques onde alumnado de 6° de primaria dos centros educativos de Melide, Toques e Santiso poderán ver como se elaboran os doces típicos da nosa comarca.

O SÁBADO 11 DE MAIO

De 11:00 a 14:00 h e de 16:30 a 20:30 h no Espazo Amendoado no Cantón de San Roque (xunto co Espazo Melindre e o Espazo Rico, os tres espazos nos que se dividen as actividades da festa) haberá un Obradoiro Infantil de Pintura de Mandís a cargo de Leonor Díaz de Como Pez en el Agua, Obradoiro destinado ás cativos e cativas. Tamén desde as 11:30 ata as 15:00 as rúas de Melide estarán amenizadas pola Charanga Alambique.

Ás 17:00 haberá a cargo da Contadora de Contos Sole Felloza unha actividade de Cociña de Contos para o público familiar con degustacións divertidas e elaboradas polo cociñeiro Alex Iglesias.

E para pechar o día, ás 20:00 h haberá un Showcooking con concerto en directo con degustación de produtos da Terra de Melide a cargo do cociñeiro e Embaixador do Melindre Gorka Rodríguez propietario da Pulpeira de Melide na Coruña. A música en directo correrá a cargo da cantautora MJ Pérez, premio Martín Códax da Música no 2021 e finalista dos premios Opinión da Música de Raíz no 2021.

 

O DOMINGO 12 DE MAIO

Terá lugar o nomeamento de embaixadores, que como sinalou o concelleiro, recaerá no Museo Terra de Melide “como institución onde se garda a nosa memoria histórica e cultural” e tamén na persoa de Paco Veiga por ser membro e fundador da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional e tamén colaborador e especial apoio a difusión da tradición cultural como é tamén a Festa do melindre.

Teremos tamén durante a mañá animación de rúa coa Fanfarria Taquikardia e co grupo Froito Novo, tamén embaixadores da festa, durante a tarde o concerto infantil dentro da programación do Melindriño, a dedicada aos máis pequenos, de Uxía Lambona e a banda molona, na praza do convento, e xa para pechar esta 32.ª edición, na praza das Coles ás 19 h teremos o concerto do grupo galego Luar na Lubre, que nos presentará o seu último disco, “Encrucillada”.

O acto foi finalmente pechado polo alcalde de Melide quen rematou agradecendo novamente á Deputación da Coruña e anunciando que “o pregoeiro saberase xusto antes da festa, que naturalmente tamén será nomeado embaixador. Entregarémoslle o galardón na inauguración o domingo 12 de maio, á que estades todos convidados, polo que vos agardamos a todos en Melide”. 

Fotos do acto:

https://acortar.link/LPnviF

+ info e dossier prensa completo en

https://festadomelindre.gal/wp-content/uploads/Dossier_32Festa-Melindre_A4_v2.pdf

Categorías: BlogNovas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Se continuas a usar este sitio aceptas o uso de cookies. máis información

Los ajustes de cookies de esta web están configurados para "permitir cookies" y así ofrecerte la mejor experiencia de navegación posible. Si sigues utilizando esta web sin cambiar tus ajustes de cookies o haces clic en "Aceptar" estarás dando tu consentimiento a esto.

Cerrar